BOLSAS DA CONSELLERIA DE TRABALLO PARA A REALIZACION DE PRÁCTICAS NOS CENTROS DE ATENCIÓN A MENORES
A Consellería de Traballo e Benestar convoca bolsas para a realización de prácticas nos centros de atención a menores.
Son requisitos para participar na convocatoria os seguintes:
-Ser español/a ou nacional de calquera país membro da Unión Europea, legalmente establecido en España e con
residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.
-Non ter cumpridos os 25 anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
-Estar cursando ou ter rematados estudos de formación profesional de grao superior en animación sociocultural,
animación de actividades físicas e deportivas e integración social, ou estudos universitarios de psicoloxía, pedagoxía,
psicopedagoxía, mestre de educación primaria ou educación física, traballo social e educación social.
-Non realizar actividades profesionais remuneradas por conta propia ou allea, nin recibir bolsas similares ás desta
convocatoria.
-Non ter aproveitado en anteriores convocatorias estas ou outras bolsas de similares características por un período
superior a un ano.
-Non padecer defecto físico que impida o desenvolvemento normal da actividade do centro.
A concesión da bolsa comporta para o beneficiario:
O aloxamento e mantenza gratuítos no centro durante todo o tempo de realización das prácticas, de tal xeito que se lle permita o/a
bolseiro/a a normal realización dos seus estudos.
A asunción pola Consellería de Traballo e Benestar dos gastos seguintes:
-Custos de matrícula ata un importe máximo de 210 €, logo da correspondente xustificación de terse matriculado nos estudos
detallados no artigo 2º desta orde.
-Custos derivados da adquisición de libros relacionados cos estudos cursados, ata un importe máximo de 120 euros, logo da súa
xustificación a través da presentación da correspondente factura no prazo de un mes desde que tivo lugar a adquisición.
-O pagamento dunha contía mensual de 120 euros durante nove meses en concepto de bolsa, logo da xustificación polo director do
centro da realización das prácticas nos meses correspondentes.
A obtención, unha vez rematada a estadía no centro, dun diploma acreditativo das prácticas realizadas, que lles será entregado
polo/a xefe/a territorial do departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar logo do informe favorable do director do
centro.
A posibilidade de solicitude ás universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, no caso de ser alumnos destas, do
recoñecemento de 2 créditos de libre elección curricular.
Para o recoñecemento destes créditos, os alumnos deberán presentar na universidade correspondente a seguinte documentación:
-Diploma ou certificación acreditativa da superación das prácticas realizadas.
-Unha memoria da actividade realizada no centro.
Estes créditos recoñeceranse como de libre configuración curricular, sen que sexa posible superar os límites que, para estes efectos,
establecen os correspondentes plans de estudos.
A duración das prácticas e, polo tanto, as estadías nos centros dos adxudicatarios das bolsas, será do 1 de outubro de
2009 ao 30 de xuño de 2010.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 16 de novembro de 2009.
Máis información no DOG do 15 de outubro de 2009.
Máis información: http://www.xuventude.net/web/xuventude/ensino/bolsaseaxudas



Chúzao
del.icio.us